Opinión

Consenso e primarias

Non gusto de entrar en casa allea, ao mellor é porque estou farto de que entren na miña con calquera escusa, mais sorpréndeme o actual debate da delegación do mundo de Podemos en Galiza (as mareas); polo que vexo na prensa debaten sobre a elección da súa candidatura, non teñen claro o procedemento, mais seguro que si o nome, a cuestión é darlle unha aparencia democrática, pois benvidos ao mundo real.

Lembro, e non hai tantos anos, cando algún amigo e tamén coñecido dirixente do BNG –hoxe máis próximo á versión galaica de Podemos, ou no seu entorno-, defendía con paixón, dentro do propio BNG, aquilo tan propagandístico de “un/unha militante un voto”, “non queremos pacto entre as cúpulas”, etc.; naquela altura, tomando un café, procurei explicarlle que se o BNG era –e é- unha fronte política, precisábase de certo grao de consenso para convivir, e isto non ía en detrimento da súa calidade democrática, de feito non coñezo ningunha organización política máis democrática que o BNG; non existe exemplo semellante como o realizado polo nacionalismo galego na Asemblea de Amio, a pesares das consecuencias políticas.

Mais iso que no BNG era un problema –o consenso-, semella que na “nova política” –termo da neolingua-, faise unha necesidade imperiosa

Se levamos a unha forza política, como foi neste caso concreto do BNG, a unha competición permanente –por moi democrática que sexa-, sempre haberá quen gañe e quen perda, xa que logo, a parte que se considere perdedora deixará de estar a gusto na propia organización; por iso era preciso e necesario o consenso, na convivencia non sempre hai que medir as forzas de cada parte, trátase precisamente de convivir entre diferentes e construír conxuntamente.

Mais iso que no BNG era un problema –o consenso-, semella que na “nova política” –termo da neolingua-, faise unha necesidade imperiosa, pola forza dos feitos; e chegados a este punto da crúa realidade, a miña pregunta é que fará agora o meu amigo e exdirixente do BNG, hoxe no entorno dese mundo transversal da versión galaica de Podemos, tragará co consenso?, montará en cólera e solicitará “primarias puras”?, volverá a aquilo de un/unha militante un voto?, por certo, quen é militante?, chega con darlle a un “me gusta en facebook”?

Canto se predicaba dentro e con canto se traga fóra.

Comentarios