Opinión

Xornalismo de tricornio

O dereito a comunicar información veraz non debería contemplarse apenas como un dereito de que son suxeitos os e as xornalistas e medios de comunicación, mais si como un dereito de que somos suxeitos pasivos a cidadanía, a quen, como tal, corresponde colectivamente a súa defensa. O que, na opinión do que subscribe, supón defender as facultades funcionais que integran este dereito e apoiar medios de comunicación o máis independentes posíbel do poder político e financeiro.

E unha das defensas que o receptor de información pode, e posibelmente debe, facer é criticar o aparente exercicio do dereito a comunicar información por un medio con outros fins, diferentes e espurios. Un exemplo: baixo a escusa de informar dun proceso penal, atentar contra a presunción de inocencia dun acusado ou acusada e acoller a versión policial sen contrastar fontes que defenden a súa inocencia, coa finalidade de transmitir a culpabilidade e preparar a sociedade para a futura condena do tribunal. Antes ou durante o xulgamento, como fixo en 2013 o entón Secretario de Estado de Seguranza dando por certo que a Audiencia Nacional declararía Resistencia Galega organización terrorista.

E así, o 6 de xullo, o medio dixital español El Confidencial, baixo o título “O financeiro de Resistencia Galega cercado na Audiencia por pistas atopadas en 2005”, acollía de forma obscena a obsesión da Garda Civil con Miguel Garcia Nogales, cidadán galego que leva máis dun ano como preso preventivo, e reproducía un relato de parte, unha instrución xudicial reservada, e daba por feita a condena do “financeiro cercado”. Cando dicimos obsesión do corpo armado español con Miguel Garcia Nogales non é fantasía: no xulgamento decorrido en xuño de 2013 na AN (cheo de irregularidades, incluída a expulsión dos peritos da Defensa), os axentes das forzas de seguridade que actuaban como “peritos” formularon duras acusacións contra Miguel Garcia (presente nas bancadas do público) sen lles importar (nin ao Presidente do Tribunal) que nin sequera fose investigado naquel procedemento. Xa daquela os argumentos eran os que agora acolle El Confidencial: os datos obtidos na operación Castiñeira en 2005, malia estar arquivada desde 2008.

Pouco importa que a Directiva UE 2016/343 sinale no artigo no Art.4 que deberán adoptarse medidas para que nas declaracións públicas e, en tanto non se probe a culpabilidade, ninguén se refira ao acusado como culpábel. As informacións de El Confidencial, procedentes da “autoridade”, deseñan a figura dun culpado “incuestionábel”, “cercado” por probas (non contrastadas). O perfil de condenado dunha persoa que, coas regras de xogo do sistema de dereito que din defender, é inocente.

O que asina estas liñas defende o dereito de El Confidencial a non sufrir censura do poder de calquera caste, nin sequera por artigos cunha praxe xornalística tan discutíbel como o que tiña Miguel Garcia como involuntario “protagonista”. Mais tamén defende o seu dereito a utilizar a crítica contra os vínculos entre medios de comunicación e autoridades policiais para transmitir á sociedade a convicción da culpabilidade dunha persoa amparada pola presunción de inocencia e “preparar” o terreo para a asunción da sentenza condenatoria. Non o conseguiron no caso de Miguel Garcia en 2013, mais estamos no tempo de prórroga.

El Confidencial non exerce o dereito a comunicar información veraz. Actúa como portavoz do Ministerio de Interior para destruír a presunción de inocencia, aforrando traballo aos gabinetes de prensa das “autoridades” para estas manteren a aparente imparcialidade ou, polo menos, obxectividade.

O que isto escribe coñece Miguel. Supoño que este feito determina que non conseguise calar desta vez. Mais de certo debín escribir isto hai tempo, nas innumerábeis ocasións en que outros presos e presas viron dinamitada a sua presunción de inocencia como concepto social por esa espuria entente entre forzas de seguridade e algúns medios de comunicación, socavando un dereito agochándose no exercicio doutro!

Comentarios