Opinión

Carta a Paco (Jorquera)

Non vou principiar esta carta dicindo aquilo de “tratarei ser obxectivo”, porque seguramente non o sexa, por motivos obvios. 

Deixarei a declaración de intencións previa en sincera.

É posible que moita xente non saiba como Paco Jorquera (Paco, de aquí en adiante) fíxose nacionalista, nacionalista galego. Esta é a historia.

Tería eu uns 7 anos, polo que Paco estaría nos 13, cando aproveitando a visita dunha familiar, meu pai levounos de visita á casa de Rosalía a Padrón. Lembro vagamente á muller que facía de guía. Falaba un perfecto e harmonioso galego, e con dozura ía ensinando e comentando todos os recunchos que acolleron boa parte da vida e obra da poetisa. Paco escoitaba atentamente as explicacións da boa muller, preguntaba e interesábase por saber máis. 

Ao remate da visita, de esa familia de cinco castelanfalantes, un deles deixouno de ser. Paco pasouse ao galego nese mesmo intre, nin un minuto máis tarde, e nunca máis deixou de facelo.

Ao remate da visita, de esa familia de cinco castelanfalantes, un deles deixouno de ser. Paco pasouse ao galego nese mesmo intre

Foi aquela ollada ao mundo de Rosalía a que mudou o seu xeito de sentir ao aínda voceiro nacionalista no Hórreo. Eran aínda os anos setenta, e ser nacionalista era ademais dun sentimento, un acto de rebeldía. A diferenza do que sucede no presente, o nacionalismo era o golpe na mesa da xuventude que cuestionaba o establecido. Evidentemente eran outros tempos, daquela ao festival de Ortigueira íase en tren, agora en AudiA3.

Paco foi pouco a pouco meténdose nos ambientes políticos nacionalistas, facíao case ás escondidas para evitar contrariar a uns país, que como todos os que viñan de saír do franquismo, temían aínda as consecuencias dunha militancia activa.

Eran aínda os anos setenta, e ser nacionalista era ademais dun sentimento, un acto de rebeldía

E así lembro como meu pai, home de carácter, bateu todos os récords da época en completar o treito A Coruña-Santiago, tras escoitar  na radio as intranquilizadoras novas dun 23 de febreiro de 1981. 

Cando Tejero and CIA ametrallaban o teito do parlamento do estado, Paco agardaba ao seu pai na pensión santiaguesa sabedor de que este aparecería dun intre a outro para levalo consigo, e se as cousas se poñían mal, agochalo nalgunha aldea recóndita.

Afortunadamente non se tivo que chegar a iso, e ese estudante membro de ERGA acabou representando ao nacionalismo precisamente onde os  inimigos acababan de aplicar a lei da forza, do medo, e do “quieto todo el mundo”.

Cos anos a vinculación de Paco co nacionalismo foi collendo peso, estivo presente na asemblea de fundación do BNG en 1982 e en todas as etapas (boas e malas) da formación dende entón. 

Dentro do BNG foi asumindo protagonismo, acreditando algúns valores que hoxe non abondan: compromiso, lealdade e coherencia. Foi así como foi recollendo as encomendas que os compañeiros foron entregándolle, sempre coa máxima responsabilidade.

Responsable de organización, coordinador executivo, senador, deputado no Congreso do estado, deputado e voceiro do grupo do BNG no parlamento galego …

O traballo de Paco é valorado por todos aqueles que coincidiron con el, e ten razón cando di que moitas veces máis polos que están noutra órbita ideolóxica. Del destacan a rigorosidade e o respecto. Nunca quixo converter o parlamento nun circo, por iso a pesar da idea reinante hoxe en día de políticos “living la vida loca”, pasou horas e horas en despachos e na súa propia casa (domingos incluídos) preparando intervencións e repasando documentación.

A pesar da idea reinante hoxe en día de políticos “living la vida loca”, pasou horas e horas en despachos e na súa propia casa (domingos incluídos) preparando intervencións

Levou por bandeira o feito de separar o político do persoal, e froito diso son as mostras de agarimo que sempre lle brindan e fan chegar membros doutras forzas de dentro e fóra de Galiza. Eu mesmo compróboo cando en non poucas ocasións me mandan saúdos sinceros e de respecto para el.

Paco é todo o contrario do que moita xente opina dos políticos. Por ilo agora que vai dar relevo, ata sorprende que o faga de xeito tranquilo. Non é usual e ata neste intre segue amosando o seu xeito de ser. Non hai porta xiratoria, non hai protagonismo mesiánico. 

Retírase da primeira liña un bo e xeneroso, un político honrado que defendeu o que cría e a quen depositou a confianza nel. Nada máis, nada menos. 

Comentarios