Opinión

Xulio para nós

Venezuela cativoume para sempre. Son moitas as cousas que teño que agradecerlle. De todo tipo. Unha delas é a de servir como escenario perfecto, ao longo de máis de medio século, á miña amizade cun artista extraordinario que se chamou Xulio Formoso.

Vigueses ambos, coñecémonos nesta mesma cidade, cando eu tiña dezaseis anos e el once. Lembro o día en que veu coa súa nai para visitarnos porque os nosos respectivos pais estableceran amizade en Caracas. Eu estaba pintando un cadro ao óleo e el sentou a observar con moito interese, mentres as nosas nais conversaban á parte. É o que agora logro rescatar entre a néboa da memoria dun suceso xa tan afastado.

En 1962 tocoume emigrar a Venezuela. Xulio faríao en 1965. E o que era unha relación entre os nosos pais, converteríase a partir de alí nunha relación entre familias, incluíndo as de José Fernández Vázquez, o comandante Sotomaior, e de Celso Emilo Ferreiro, o noso poeta de Celanova, que se reunían a miúdo e compartían vivencias na Venezuela dos 60. Galeguistas e internacionalistas, antifranquistas de esquerda e cunha mesma mirada de agarimo profundo cara á Venezuela que nos acollía, eran moitas as cousas que nos unían.

Cursando eu arquitectura na UCV, Xulio pola súa banda facía o bacharelato no liceo Gustavo Herrera. Pero máis aló dos estudos, eu sabía que a miña tecla vital era a da poesía. Mentres que Xulio comezaba a ser atrapado para sempre pola música, aprendendo a sacarlle notas a unha guitarra que tiña.

Así as cousas, en 1967, exactamente o 14 de abril (e non digo nada) como consta no seu pé de imprenta, terminouse de editar o meu primeiro libro de poesía Da Estrela e Da Fouce (e tampouco digo nada), producido coa axuda de Celso Emilio Ferreiro que, ademais de escribirlle o prólogo, deulle persoalmente á manivela do multigrafo onde se imprimiu. 

É deste libro, precisamente, de onde Xulio saca a letra da súa primeira canción, “Xente pobre”, un poema que correu con sorte pois máis tarde sería tamén incluído por Alonso Montero no seu libro Cen mellores poemas dá lingoa galega.

Foi a partir deste punto exacto onde comezaría, xunto coa amizade, unha verdadeira relación de traballo creador que, aínda que intermitente, mantivo unha continuidade impresionante ao longo de 51 anos ata que en 2018 Xulio saíu de escena de improviso. Non sei cantos centos de cancións compuxo Xulio ao longo da súa vida, pero delas ao redor de oitenta foron compostas sobre letras miñas, boa parte delas en castelán, pero tamén algunhas en galego. 

Isto podería dar lugar a un proxecto onde distintos grupos puidesen recuperar as 15 cancións coñecidas de Xulio en galego

Periodicamente reuniámonos a preparar algún recital de poemas e cancións que presentabamos a dúas mans en Caracas ou noutras cidades de Venezuela.

Hai que dicir que o faciamos só polo pracer infinito de facelo. Emprendiamos a tarefa, creabamos o resultado en moi pouco tempo e cunha intensidade de traballo notable, ás veces nun par de semanas tan só e sen ensaio, montabamos unha presentación e nada máis. Así ata a próxima vez, un tempo despois, cando nos volvían as ganas de novo.

Deses episodios de traballo intenso, destaco os recitais Problemas de amor e Máis problemas de amor, así como os discos Amantes de ningún lugar, este último unha sorte de antoloxía de tres CD onde está recolleito moito do noso traballo en conxunto. En 2009 presentariamos De par en par, un novo recital con poemas e cancións totalmente novas.

O conto é longo, pero por razóns de espazo, véxome obrigado a facelo curto. É o caso que desas 80 cancións a dúas mans, hai once que están escritas e concibidas en galego, e que, pola miña banda, considero que habería que rescatar e poñer de novo en valor. A esas poderíanselle engadir as catro que, con letras de Celso Emilio e do meu irmán Nacho (recentemente falecido) formaron parte do histórico disco Galicia Canta en 1970. É unha tarefa. Con respecto ás dúas cancións miñas daquel disco, entre as once referidas, a verdade é que xa foron magnificamente interpretadas por Pilocha (Cholo Peruán) e por Luar na Lubre (Pandeirada ao Che). 

Conto estas cousas porque penso que todo isto podería dar lugar a un proxecto, Galicia Canta a Xulio, onde distintos grupos ou voces de recoñecida presenza activa puidesen recuperar, facer a súa versión e interpretar as 15 cancións coñecidas de Xulio en galego. Creo que non hai alí un tema propiamente económico senón máis ben de conxunción de vontades e de conciencia dun patrimonio producido na emigración.

Lanzo esa botella ao mar, a ver que se pode facer, se é que a alguén lle interesa. E grazas anticipadas. O meu correo é [email protected].

Comentarios