Opinión

Un xornalista escribe desde China

Quero saudar a recente aparición do libro China, amenaza ou esperanza. A realidade unha revolución pragmática, de Julio García. Editado por Akal, na súa colección 'A fondo', conta cunha presentación de Pascual Serrano e prólogo de Xulio Ríos.

Trato de dar estes datos con exactitude, porque de antemán adiántolle aos posibles lectores ou lectoras desta modesta nota, que a miña recomendación é que de inmediato deixen o que estean a facer e, sen pensalo máis, se dirixan á súa librería favorita para encargar un exemplar.  Estou seguro de que non quedarán defraudados coa lectura deste libro singular, chamado a minar, con cargas contundentes de dinamita argumental, o paradigma da opinión publica sobre China nesta parte do mundo.

O meu agradecemento ao autor, presentadores e editores. Con Pascual Serrano, leal e coherente, compartín varias veces en Venezuela e en Cuba. Con Xulio Ríos, un gran coñecedor e analista da vida política da República Popular de China, mantiven ocasionalmente algunha correspondencia, sempre grata. Pero de Javier García, nin sequera oíra falar ou, polo menos, non o tiña presente na memoria. Agora sei que naceu en Vigo, coma min, e que é de profesión xornalista. Tamén coñezo, pola lectura da solapa e algunha outra procura nas redes, que estivo a traballar en varios países de América Latina como xefe de oficina de Axencia Efe (Ai, Efe dos meus pesares, mellor calo!), e que ultimamente estaba a exercer ese papel xustamente en China, ata que renunciou e, segundo entendo, segue vivindo alí. Sei tamén que recibiu algúns premios de poesía en galego, tales como o Rosalía de Castro.

Deduzo de todo iso que Javier García, sen ser un revolucionario, vale dicir un home comprometido coa transformación estrutural da sociedade, coa consecuente militancia política, é hoxe, sen dúbida, un intelectual sensible e un xornalista coa suficiente honestidade intelectual para contarnos, explicarnos e describirnos, como o fai neste libro, a realidade real dese fascinante universo humano que é China, sobre o cal estamos tan desinformados. Unha desinformación, que non é nin sequera produto do descoñecemento, senón sobre todo da malinformación, se é que esa palabra existe.

Non lles vou contar o libro. Só dicirlles que a min seduciume. Que o terminei ás horas de comezalo, sacándolle tempo ao sono. E que, aínda que non estou seguro de coincidir plenamente co autor nalgúns aspectos da súa análise (confeso que o cualificativo de pragmática non sei se é o máis adecuado para esa revolución, salvo que vaia acompañado doutros tales como auténtica ou profunda), comparto con el a admiración por un proceso que, lonxe de ser ameaza para ninguén, convértese en referencia indispensable e dános pistas sobre a posibilidade de que nós, desde as nosas raíces históricas culturais, atopemos algunhas claves para resolver á nosa maneira os gravísimos problemas esenciais que padecemos.

Comentarios