Opinión

Amancio Ortega. Del amor al odio pasa cualquiera

Se pensamos nestes días, creo que todos poderiamos destacar tres temas de moda e que copan chíos nas redes: Coronavirus, que nunca mellor dito, queda coa coroa. Xestión boa, mala, pésima… dos gobernantes. Polémicas varias. E despois hai un nome propio: Amancio Ortega.

Amancio ben, Amancio mal. Amancio cazolada, Amancio ovación diante da casa. Eu non son capaz de reflexionar se, neste momento, antepoño o agradecemento pola súa achega ou se me pode máis a repulsa pola súa política de empresa. Pero creo que hai algo no que todas nós temos que reflexionar: Son máis criticábeis as máscaras que cando nós decidimos mercar nalgunha das súas firmas?

Non vexo tremenda mobilización social e treboada de opinións cando vemos que as tendas se enchen nas rebaixas ou mesmo sen precisar delas. Cando sobe e sobe a súa cotización en bolsa. Non poñemos esa cara de repulsa cando pasamos diante de Zara e vemos colas; mentres que pasamos pola tenda de roupa da nosa veciña e non lle queda outra que acabar coa persiana baixada.

Tampouco lle aplaudimos, é certo. Pero ollo, esas persoas ás que, pode ser que explote, non o fai por mor de aplausos ou asubíos. Cosen probabelmente esa mesma camiseta que levas posta cando saes co cazo á fiestra. Desgastan o pantalón que tanto nos mola levar roto.

Mólanos. E para iso non sacamos cazo nin palmas, nin resistiremos nin se o precisamos. Facémolo. Tiramos de billeteira, tarxeta, aplicación móbil ou golpe de clic… e moita, moita labia. E aínda máis lentes (case opacas) para unha realidade que decidimos, dende fai tempo, non ver. Globalizamos o mundo no sinxelo, no que nos interesa. A globalización dos dereitos humanos, da dignidade do traballo, da infancia dos nenos… Xa para outro momento. O é que non depende de nós é o máis cómodo de todos os credos.

A mellor maneira de conseguir que se respecten os dereitos dos traballadores é mercando nas marcas que podemos certificar que non o fan. Na tenda de barrio, na costureira do baixo casa. E non, pode que non sexas de Mássimo, probabelmente; pero tampouco serás de mínimo de conciencia social.

Agora, hai dúas clases de persoa: ProAmancio ou AntiOrtegas. Ou o admiras ou o odias. O “termo medio” perdeuse, como tantas outras veces temos perdido o seu irmán “sentido común”. E dos AntiOrtegas a toda bandeira, deberiamos formularnos canta roupa firmada (con outros mil nomes) por Inditex temos gardada no armario mentres facemos días de pixama e chándal que, quen sabe, tamén pertencen a unha das infinitas marcas da firma que non firma.

É un bo momento para reflexionar. Pode ser certo que non queremos as súas máscaras. Pero entón queremos seguir contribuíndo á explotación laboral, ao traballo infantil, á evasión fiscal?

Non é esa a mellor maneira de contribuír cos nosos autónomos e pemes? O problema non está en pechar un mes. Non o sería se o resto do ano teñen uns beneficios óptimos, tendo en conta o que se contribúe ao benestar de todos traballando dignamente, coas condicións xustas e coa moral alta.

Cunha sanidade pública que non fora saqueada, igual non tiñamos que aplaudir a ninguén en particular por facilitarnos a obtención de material que non deixa de ser máis que necesario.

Cuns impostos pagados por todos ao seu tempo, sen a corrupción que é xa patrimonio nacional. Entón, probablemente, as arcas públicas sumirían un mes de gastos sen problema.

Agora xuramos por San Amancio? Agora reclamamos xustiza social? Quen saíu a berrar a Pujol, a Chávez, a Griñán, a Bárcenas, a Fabra… coa Gürtel, coa Púnica, co caso Pokémon?

Son días de confinamento, de tensión, de moitos sentimentos. Pero poden ser días de reflexión, de mudanzas e de cambios de comportamento.

O apoio aos autónomos e pemes non é cousa dun mes, é un xeito de vida. A elección de mercar con responsabilidade social faise antes e despois do confinamento. Eu agardo que esta treboada de solidariedade e reclamacións dun xusto estado de benestar se manteña cando benestar non semelle perigar; porque se non teremos o risco de que ao precisalo, el non poda estar.

Comentarios