Opinión

Esquecemento histórico do PSOE da Coruña

A vitoria do golpe militar fascista do ano 1936 significou un cambio da sociedade coruñesa. Os militares e fascistas levaron adiante un exterminio xenocida (político, físico e psicolóxico) de persoas con ideas democráticas, republicanas e galeguistas.

Significou a configuración dun novo grupo social hexemónico da burguesía saído dos vencedores, ao carón das execucións, consellos de guerra e burocracia do Estado: sindicato vertical, Falanxe, Igrexa, concello, empresas colaboracionistas, etc. A preponderancia como grupo hexemónico permitiulle o control do Estado e a construción dunha “nova historia” baseada na “desmemoria represiva”, ocultando seu pasado golpista, así como o seu falanxismo de “prietas las filas”. Un exemplo claro é Sergio Peñamaría, considerado un “home bo”, “alcalde exemplar”, con escuro pasado falanxista e militar (Nós Diario do 05/11/2021) que aínda en 1975 acudía a xuntanzas da caterva fascista ocupando altos cargos.

Esta introdución vén a que esta burguesía herdeira da posguerra fascista continúa a  exercer parte do seu poder na Coruña. Non falamos da actual burguesía nacida no desenvolvemento económico dos últimos anos (as grandes familias do téxtil, a construción, etc), verdadeiros dominadores da cidade. Falamos dos sucesores dos golpistas, incrustados de antigo en aparatos de control social, político e profesional, etc.  O que Michael Focault cualifica como “micro poderes”, unha rede de control político, social e ideolóxico e supostamente apolítico. 

Este exercicio de “poder na sombra”, é fundamentalmente defendido polo PP e só consiste en botar unha mirada aos listados de organismos da cidade: Cámara de Comercio, organismos da Administración, certas empresas ou  directivas de certos clubs de deporte. 

No caso do PSOE é un pouco máis complexo. Está a exercer de “intelectual orgánico” da burguesía coruñesa. Un repaso da etapa de Francisco Vázquez no Concello deixa todo claro: negación da Galiza, política autoritaria, relación directa do Concello coas familias da construción máis especulativa, da historia do socialismo coruñés...

O PSOE non deixa de navegar no “pos vazquismo”, camiño de derreter o sólido da súa historia, convertendo a súa política nun estado líquido. Despois da fuxida dun personaxe como Francisco Vázquez, non ten arrestos para enfrontarse a esa etapa periclitada, recolle herdanza máis envelenada: especulación (venda de espazos públicos ), un mal entendido “coruñesismo” reaccionario, e un exercicio psicolóxico de desmemoria histórica que posibilite a súa incrustación subordinada na elite. 

O último é que a dirección do PSOE, esquecendo a represión na guerra e posguerra dos seus militantes, asasinados ou encarcerados, coñecendo que está documentado historicamente quen foron os seus executores, posuído dunha “desmemoria histórica” e con argucias burocráticas manipulando o Consello Municipal da Memoria Histórica, agochou á opinión pública o estudo feito por historiadoras de recoñecido prestixio encargado polo propio Concello sobre simboloxía fascista a erradicar. Enfrontouse aos seus compañeiros de partido do Barco de Valdeorras, que solicitaban por ética democrática a aplicación da Lei de memoria, saída dun goberno socialista. A defensa de Sergio Peñamaría por parte do Goberno municipal só trata ocultar o pasado franquista dun sector da burguesía coruñesa. Mais é tamén un indicador do seu incrustamento como parte desa burguesía, e como tal actúa non só “compañeiro de viaxe” senón tamén con intervención orgánica cara á cidadanía, facilitando o sometemento nas pautas desa burguesía, liquidando as ideas democráticas, republicanas e galeguistas.

Cabe rectificar erros políticos. O Goberno municipal ten que comprender o significado da adhesión “vazquista”. Asumir a defensa dos intereses da cidadanía, a memoria histórica democrática e republicana, a súa propia historia. Manter a historia da esquerda: como é o PSOE. 

Comentarios