Opinión

A faciana de En Marea e do seu portavoz Luís Villares 

Nas pasadas eleccións autonómicas, o “partido instrumental” En Marea presentouse co eslogan “Un país xusto”. O que non estaban a dicir as e os dirixentes deesta organización era para quen debía de ser xusto: se para a xente máis empobrecida deste país, as que chaman capas populares, ou para eles mesmos.

Durante a campaña electoral dicían cousas como “Vimos para enterrar os vicios da vella política”, “Somos a única alternativa de goberno”, “Imos derrotar o PP”, “É o pobo quen manda”, etc. Frases feitas que, unha vez rematado o proceso electoral e coñecido o resultado, esquecen para deseguido sacar a careta e mostrar a súa verdadeira faciana, a que os leva a enumerar as súas prioridades que, por certo, nada teñen que ver co que estaban a dicir na campaña.

Foi entón cando os medios de comunicación anunciaron que o seu candidato, Luís Villares, reclamáballe a En Marea asesor persoal, chófer e unha compensación económica de 15.000 euros polos tres meses de campaña. Xa nos esquecimos dos corruptos do PP, dos vicios da vella política etc.

Pero iso non remata aquí. Hai uns días, o “partido instrumental” En Marea, aproveitando a súa presenza na Mesa do Parlamento, propuxo desaloxar o BNG das súas oficinas parlamentarias para que foran ocupadas polos seus deputados e deputadas.

Se vostedes son a segunda forza política no Parlamento, por que non reclaman o espazo  que ocupa o PSOE?

Señor Villares: se a vostede e mais aos seus colegas non lles chegan as instalacións das que dispoñen actualmente para desenvolver as súas actividades políticas, soliciten novos espazos. Non fagan revanchismo, non se deixen levar polo odio, non digan “Sácate ti para poñerme eu”, non actúen con prepotencia… Lembre que non está vostede na sala (exercendo de xuíz); agora non é só señoría, tamén o son o resto de diputad@s. Por certo, se vostedes son a segunda forza política no Parlamento, por que non reclaman o espazo  que ocupa o PSOE? Sería o máis lóxico segundo as súas propias teses. Pero non: Hai que eliminar o BNG, eses nacionalistas que todo o mal que fan é defender este país, Galiza.

Estes días estase a falar tamén dos salarios de diputad@s da súa organización. Non creo  que esas sexan as prioridades d@s galeg@s; non creo que as persoas que votaron En Marea fora para pór asesor, chófer e salario a Villares nin para desaloxar o BNG. Póñanse vostedes a traballar  polo que prometeron, por un país xusto, pero xusto para os menos favorecidos, para as clases populares. Se non o fan, non se preocupen, hai uns ditos galegos moi acaídos: “Nunca choveu que non escampara” e “Detrás de maio vén San Xoán”.

Comentarios