Opinión

A Xunta cala e Prado sinala

[Alberte Mera]

Unha representación do empresariado local das comarcas que se verían afectadas directamente polo proxecto de celulosa de Altri na Ulloa, que a Xunta da Galiza defende, amosaron onte a este xornal o seu rexeitamento á instalación da pasteira polas afeccións sobre o Camiño de Santiago, e recollíanse testemuños dos mesmos así como do catedrático de Análise Xeográfica Rexional da Universidade de Santiago de Compostela, Rubén Lois. Quen non quixo falar con este xornal foi o Goberno galego. Nós Diario non obtivo resposta -nin a segue a ter- malia pórse en contacto xa na semana pasada coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta a respecto desta preocupación no sector, para coñecer que actuación ía tomar a Administración pública para preservar a declaración do Camiño como Patrimonio da Humanidade -que un complexo contaminante no medio del como o de Altri podería pór en perigo-.

O Goberno galego, que veta Nós Diario das axudas á prensa escrita en papel, cala ante esta cuestión formulada por este xornal, mais si sae á palestra pública a secretaria xeral do Partido Popular na Galiza, Paula Prado, que onte nas súas redes sociais criticou a información deste medio e acusou Nós Diario de mentir. Parece que non gustan no PP nin no Goberno galego do laborioso e contrastado traballo que este medio leva anos facendo sobre Altri e que seguirá a realizar, malia os dedos inquisidores.

Comentarios