Opinión

Whatsapp coa ultradereita

[Alberte Mera]

Alberto Núñez Feixoo evitou onte sumar máis titulares xunto a Santiago Abascal. Evitar a fotografía co dirixente de Vox parece a todas luces ser o motivo polo que onte o novo presidente do Partido Popular a nivel español e o aínda presidente galego non acudiu á investidura do popular Mañueco como gobernante de Castela e León, da man de Vox. Máis vale unha imaxe que mil palabras, e as palabras son pacto do PP coa ultradereita, abrirlle a porta das institucións e darlles capacidade de gobernar mediante acordos que na maioría dos Estados europeos, tanto liberais como conservadores rexeitan facer coas forzas homólogas a Vox.

Non houbo fotografía de Feixoo con Abascal, pero si houbo palabras, palabras mesmo por mensaxe telefónica. Onte intercambiaron Feixoo e Abascal os seus primeiros SMS ou whatsapps... Non transcendeu o contido de tales textos, mais parece fraguarse unha alianza duradeira no camiño para conseguir A Moncloa. Pois non, non todo vale, coa ultradereita españolista, antigalega e misóxena é un perigo pactar leis e Gobernos. Rectifiquen, polo ben da humanidade.

Comentarios