Opinión

Vivir en galego

[María Obelleiro]

Facémonos eco da proposta #Desafío72h, na que participan case 400 estudantes de institutos de Culleredo, para animar a mocidade a falar galego, dentro e fóra das aulas. Trátase dun compromiso voluntario para empregar a lingua propia da Galiza en todos os ámbitos. Unha iniciativa loábel que pon de manifesto que vivir no noso idioma segue a ser unha utopía, pois nin sequera a Administración pública cumpre a xa de por si escasa lexislación lingüística a respecto do galego.

Seguimos vendo como se conculcan os nosos dereitos como galegofalantes. Non teñen que ir moi lonxe estas alumnas e alumnos para o comprobar. No propio sistema educativo, está prohibido o galego para impartir, entre outras áreas, Matemáticas. En lugar de protexer e promover o idioma, os gobernos presididos por Feixoo dedicáronse a atacalo. Unha das primeiras normas acordadas polo Consello da Xunta en 2009, cando o PP regresou a San Caetano, foi, precisamente, o decreto do plurilingüismo. Toda unha declaración de intencións. Daquela, Alfonso Rueda aplaudía a política lingüística ditada pola FAES de Aznar e manifestábase contra o galego da man de Galicia Bilingüe. Veremos como se comporta quen vai ser investido novo presidente.

Comentarios