Opinión

Vida precaria ou digna

[Xoán Colazo]

Os dados da precariedade laboral amosan unha realidade moi escura e que ten enormes consecuencias individuais e sociais. A inmensa maioría de galegos e galegas traballan de xeito asalariado e teñen unhas condicións de contratación que se agravan ano tras ano en canto a temporalidade e baixos salarios. Non é algo exclusivo noso, pero na Galiza isto acentúase pola nosa posición subordinada e bate especialmente na mocidade e nas mulleres.

A falla de expectativas das e dos traballadores provoca emigración e crise demográfica, problemas estruturais que pexan o desenvolvemento e cuestionan a viabilidade de calquera formación social. Se a clase traballadora é a que crea riqueza nun país e a precariedade está a expulsala, que futuro nos agarda? Exportamos aforro, enerxía, materias primas sen transformar, e tamén man de obra, demasiadas cousas que, de desenvolvermos un modelo autocentrado, redundarían en beneficio do propio país. E no que as persoas poderían ter unha vida digna e non precaria.

Comentarios