Opinión

Un sensentido

[María Obelleiro]

Na mesma semana en que a propia Xunta da Galiza admitiu a falta de persoal de enfermaría, as 24 horas, en residencias pertencentes a grupos empresariais privados, como o caso de DomusVi e Ballesol, incumprindo así a lexislación aplicábel aos xeriátricos, sóubose do procedemento de licitación do servizo asistencial de cinco centros de maiores, un en Cambados, Cerdedo-Cotobade e Curtis e dous en Redondela. Deste modo, o Goberno galego volve optar pola privatización dun servizo cuxo custo, para estas 152 prazas, ascende a 3,7 millóns por dúas anualidades prorrogábeis.

Este novo paquete de privatizacións afondará na situación discriminatoria que padece a Galiza, que se sitúa á cola do Estado en prazas de residencias de carácter público. Até o de agora, a porcentaxe de prazas de titularidade pública ascendía a 77,2%, unha cifra que aumentará debido a aposta do Goberno de Rueda por entregar servizos sociais esenciais aos grandes operadores do sector, malia evidenciar a pandemia as carencias do sistema de atención ás persoas maiores. Ademais de ser un dos principais focos de contaxio, os xeriátricos de xestión privada concentraron máis do 94% dos falecementos en residencias nos primeiros nove meses da Covid-19.

Comentarios