Opinión

Un reino

[María Obelleiro]

A proposta de Sermos Galiza S.A. sobre o Reino da Galiza foi unha das seleccionadas pola Deputación da Coruña no marco do Certame Fondo de Proxectos Culturais do Reino da Galiza, que vai pola súa segunda edición. Felicitamos a iniciativa do ente provincial por contribuír a coñecer e a divulgar a historia galega, que continúa a permanecer agochada ou deturpada pola historiografía españolista.

A través de tres libros, que distribuirá de balde Nós Diario, Sermos Galiza S.A. rescatará do silenciamento personaxes históricas que aínda non son o suficientemente coñecidas pola inmensa maioría da poboación.

As tres obras que acompañarán o diario están coordinadas polo doutor en Humanidades, especialista na Idade Media e profesor da Universidade da Coruña Alexandre Peres Vigo, que asina o libro dedicado a Pardo de Cela. O doutor en Filoloxía Francisco Rodríguez fará o propio con Fernán Ruíz de Castro e Carme Varela, licenciada e Filoloxía, e Carolina Casal, doutora en Historia da Arte, afondarán nas abadesas que se opuxeron ás políticas centralizadoras dos Reis Católicos.

Estes tres libros comparten a filosofía do coleccionábel sobre os castelos e torres que a día de hoxe entrega Nós Diario, con motivo da celebración do seu número 1.000, pois é fundamental coñecermos o noso pasado, sen prostituír a historia, para construír un presente e un futuro mellores.

Comentarios