Opinión

O tren na Galiza, a canción de sempre

[Xesús M. Piñeiro]

Foi aló por 2009 cando o daquela conselleiro de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas do primeiro Goberno de Feixoo, Agustín Hernández, garantiu a creación dun ente ferroviario galego que se encargaría, entre outras cuestións, de xestionar as liñas de metro lixeiro metropolitano da Coruña, Vigo e Santiago, para as que comprometía un investimento de 12,4 millóns de euros.  

O ente nunca se chegou a crear, ao igual que a xefatura de proximidade para Galiza, que era o paso previo ao traspaso por parte do Ministerio de Fomento dos servizos de proximidade. De feito, Galiza é dos poucos territorios que non contan con este servizo. 

Dous exemplos de que Galiza carece dun sistema ferroviario que mereza tal nome, que facilite a mobilidade e articule o territorio. O progresivo abandono por parte das administracións do transporte en ferrocarril no interior da Galiza fai que as escasas rutas de proximidade presenten os peores datos de aproveitamento do Estado.

Un problema que se ve agravado polo feito de que non recuperemos aínda as conexións e frecuencias existentes pre-pandemia. O tren na Galiza é sempre a mesma canción, e non precisamente a de Andrés Dobarro.

Comentarios