Opinión

Toda axuda é pouca

O cura de Xestoso, no municipio de Monfero, oficiará unha misa para "invocar a axuda de San Lourenzo contra os eólicos", segundo anunciou o propio crego, Luís Rodríguez Patiño. A misa terá lugar o 10 de agosto, festividade de San Lourenzo, no mosteiro de Monfero. Ao oficio relixioso seguiralle unha romaría, actos que contan co apoio e participación da   plataforma veciñal ‘Monfero di Non’.

Ante o paso do cura de Xestoso non podemos deixar de lembrar outros similares dados por cregos na Galiza durante a nosa historia recente e que se puxeron a carón da veciñanza fronte a proxectos que esta entendía como unha agresión, fose en Xove ou nas Encrobas.

Que se convoque unha misa e unha romaría “contra os eólicos” pode ter moitas lecturas, mais non debería de se nos escapar que unha delas é que a mobilización social contra moitos destes proxectos hai tempo que superou, grazas a deus, os límites do ‘universo activista’. Que se invoque a axuda de S. Lourenzo, patrón dos cociñeiros, mineiros e bibliotecarios e que dá nome ao equipo arxentino coñecido como “de los gallegos” (e do que é seguidor, ollo, o papa Francisco) é unha estratexia arriscada. Agora, como saír saia ben...

Comentarios