Opinión

Suspenso en transparencia

[Alberte Mera]

Van varios cursos que o Executivo galego suspende en transparencia. Lonxe de esforzarse en progresar, cada ano parece que procura esmerarse en obter máis suspensos. Logo de este xornal informar a semana pasada de que até catro de cada dez contratos da Xunta da Galiza en 2022 foron adxudicados mediante negociados sen publicidade ou ben como contratos menores, sen licitación pública, o Parlamento da Galiza acollía onte un debate a redor desta cuestión sobre os contratos popularmente denominados "a dedo" da Consellaría de Sanidade. De feito, o Sergas concentra 90% de todos os contratos adxudicados "a dedo" pola Xunta. Nesa ansia por incidir no suspenso en transparencia cada curso que pasa, o Goberno galego ampliou os seus récords, pois en 2021 eses contratos do Sergas supuñan unha porcentaxe inferior (64%).

Lonxe de rectificar, o conselleiro de Sanidade xustificou a "legalidade" de empregar as adxudicacións sen publicidade. Legal, de acordo, ético? Non nos convence.  Segue o señor conselleiro a estela de quen o nomeou por primeira vez para tal cargo, o ex presidente da Xunta Alberto Núñez Feixoo que, xa en funcións, despediuse da Galiza adxudicando seis contratos sen procedemento de convocatoria pública para a promoción do Xacobeo 21-22 por 1,44 millóns a medios de Madrid, a onde precisamente se dirixía para liderar o PP español. Aprobarán algún curso?

Comentarios