Opinión

Rueda e mil anuncios

[Alberte Mera]

Será hoxe a última sesión do Debate do Estado da Nación que desde a segunda feira decorre no Parlamento da Galiza. Na inauguración do mesmo ollamos un presidente da Xunta da Galiza engraxado en plena campaña electoral. Ao máis modo "mil anuncios", prometeu fondos por aquí e axudas por alá, comprometeuse a facer 1.800 vivendas públicas cando, desde 2014 a 2023, só foron construídas 144 vivendas protexidas para aluguer, unha cantidade que se demostrou máis que insuficiente ante a grande demanda existente. 

Ao tempo, a conselleira de Vivenda, a vicepresidenta Ángeles Vázquez, estivo onte explicando en Ourense a "vangardista" medida "estrela" do Executivo galego: converter baixos comerciais -construídos obviamente para albergar negocios, hostalaría ou oficinas- en fantásticas vivendas. Marabilla, ante a falta de vivenda na Galiza, crise de prezos, proliferación de pisos turísticos... a mellor solución é, para a Xunta, ir vivir aos baixos comerciais. Obrigado pola idea e a recomendación. 

E, porén, a primeira resolución que o PP leva hoxe ao Parlamento no marco do feche do Debate do Estado da Nación é a favor da "soberanía de España", xa que consideran que está en perigo polas formacións políticas que reclaman autogoberno e medidas pensadas desde os seus territorios. Cousa de prioridades... 

Comentarios