Opinión

Rinse das rías

[María Obelleiro]

A comisión de pesca do Parlamento galego acolleu no día de onte o debate dunha iniciativa da deputada nacionalista Rosana Pérez no cal a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, recoñeceu a caída na produción marisqueira das rías. Presentou os datos como se o devalo produtivo non tivese consecuencias para a economía de milleiros de familias e para o medio ambiente e como se a Consellaría de Mar non tivese competencia ningunha na materia.

A alto cargo da Xunta da Galiza asumiu como normal esa diminución, e contextualizouna nunha evolución “cíclica” para cuxa recuperación haberá que esperar anos. Así, situou no exercicio de 2020 un dos mínimos da produción marisqueira, cifrando en “seis ou sete anos” esa ansiada recuperación. Resulta cando menos abraiante a intervención da directora xeral cando non vén acompañada de medida nin de proposta ningunha.

En 2001, había na Galiza 6.551 permisos de mariscadoras e mariscadores, que caeron en 2022 a 3.614. Porén, á vista do acontecido onte na reunión da comisión parlamentaria, semella que nada acontece e que as rías galegas non son prioridade do Goberno galego. É urxente que a Administración cumpra as súas obrigas legais e adopte medidas para estudar e controlar a calidade das augas, as verteduras e as condicións ambientais.

Comentarios