Opinión

O rei encerrado na catedral

[Xoán Costa]

Con certeza, coñecen o conto do bandido que se fai pasar por alfaiate para facer formosas roupas ao rei. Roupas só visíbeis polos máis intelixentes. O desfile de exhibición e a nudez corporal do rei só desenmascarada por un rapaz: "O rei está nu!". O grito escóitano todos. O rei encóllese, sospeitando que a afirmación é verdadeira, mais mantense orgulloso e continúa a procesión.

Ás veces, os contos fanse realidade. Este pasado 25 de xullo, unha Compostela policialmente tomada e unha Catedral cercada, asistiron a un ritual anticuado na honra dunha monarquía que, sabedora da súa nudez, só escoita as palabras gabadoras do seu propio séquito. Que non se nos diga que esta é unha monarquía moderna -iso nen nos contos é posíbel- e próxima ao pobo. Galiza arde e o rei recruta o apóstolo como brigadista contra o lume, nunha actualización da batalla de Clavijo. A inflación devóranos e o rei segue a pedir axuda a Santiago en vez de pedir medidas á ministra de Economía, tamén alí presente. Señor Santiago, non te confíes!

Comentarios