Opinión

Reflexión

[Xoán Costa]

Reflexión. Tal establece o artigo 53 da LOREG que prohibe, no día que precede a xornada de votación, a difusión de propaganda electoral e a realización de actos de campaña.

Veremos escenas de candidatos e candidatas en reunións familiares, amicais ou relixiosas. Ambiente relaxado mais cargado de significación política, nunha sorte de descanso do guerreiro electoral e aos ollos dunha prensa empeñada en facer seguimento das actividades de candidatas e candidatos, con quen estiveron, que almorzaron, onde xantaron.

E todo co voto xa determinado, por máis que haxa unha porcentaxe, pequena e se cadra decisiva, que agarda a entrar no local electoral para decidir que voto emitir.

Toca reflexionar. Mais non para definir, no instante derradeiro, sobre o sentido do voto que imos emitir. Iso é pan para hoxe e fame para mañá.

Pensemos realmente en cais son as nosas necesidades. En materia educativa, en protección social, en medio ambiente, en cultura, en lingua ou en explotación dos nosos recursos naturais. Reflexionemos en función das nosas necesidades, que serán similares ás de outras compatriotas.

E se reflexionamos segundo estes parámetros chegaremos á conclusión de que non hai moitas papeletas que cumpran estes obxectivos. Coller ou non coller a adecuada, pode ser a verdadeira reflexión.

Comentarios