Opinión

Queroseno

[Alberte Mera]

Estamos vendo nos últimos meses un Partido Popular incendiario. Será pola chegada de Alberto Núñez Feixoo e o seu equipo a Xénova? Coa andaina que están a realizar vai parecer que o home moderado era Pablo Casado. E ao xogar co queroseno meten a pata. A rabecha de onte de Miguel Tellado é de nota. Após transcender que o PP mantivera negociacións con Junts para lograr a finalmente falida investidura de Feixoo, Miguel Tellado saíu á palestra dicindo que o seu partido vai reclamar a disolución das formacións políticas que defenden referendos.

Na política, como nas relacións persoais e amorosas, non é non, e este "enfádome e non respiro" con quen te rexeita non é bo para a saúde. O medo ao rexeitamento, a frustración e o fracaso son cuestións do día a día que cada persoa ten que traballar en si mesmas e tamén no colectivo. Canto melloraríamos se chaves para a autoestima, o autocoñecemento e o benestar persoal fosen ensinadas desde cativas e cativos. 

Este queroseno do PP que inunda a política vai a máis. Ao tempo, e non ten por que ser causal, as enquisas amosan unha tendencia á baixa do PP na Galiza e un ascenso do BNG que se consolida como alternativa a presidir Galiza nun hipotético cogoberno co PSdeG. De novo, na vida política, nas negociacións, nas investiduras, nas enquisas... hai que saber gañar e encaixar as derrotas. Menos queroseno por favor. 

Comentarios