Opinión

Quen se enriquece?

[María Obelleiro]

A Organización de Consumidores e Usuarios deu a coñecer onte un estudo que analiza a evolución do prezo de 122 produtos nos supermercados Alcampo, Carrefour, Condis, Dia, El Corte Inglés, Eroski e Mercadona de 2020 e a 2023. En tres anos, encareceron, de media, un 38%. Ademais, deses 122 produtos só viron reducido o seu prezo catro. Por outra parte, a Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG) sinalou onte que o prezo dos alimentos aumentou un 325%, é dicir máis do cuádruplo, desde a súa orixe no campo á persoa consumidora o pasado mes de marzo. Entre os alimentos que máis encareceron entre a orixe e o destino atópanse o limón (1.354%), a laranxa (720%), o repolo (490%) e o brócoli (463%).

O impacto desta realidade non a perciben as persoas ás que o Goberno galego bonificou o imposto de patrimonio. Unha "rebaixa" de impostos da Xunta da Galiza á que aludimos na reportaxe que abre este número de Nós Diario. Quen máis a sofre son as persoas traballadoras. As cifras recentemente publicadas polo Instituto Galego de Estatística mostran que máis da metade dos fogares galegos chegan con dificultade ou con moita dificultade a fin de mes. Non é de estrañar tendo en conta o encarecemento dos prezos, que non se acompasou dun aumento proporcional dos salarios.

Comentarios