Opinión

Quen paga?

[Alberte Mera]

En 2013 tería rematado a concesión da AP-9 a Audasa de non ser pola ampliación da mesma efectuada polo Goberno de Felipe González e o ano pasado tería caducado de non tela ampliado até 2048 o Executivo de José María Aznar. Unha ampliación que rexeita a Comisión Europea e pola que vén de abrir expediente ao Estado español. E así é como desde a Moncloa encheron os petos das empresas que se lucran de servizos e infraestruturas públicas e lúcranse, si, grazas aos pagamentos que afrontamos as galegas e os galegos. 

E non só pagamos, senón que ademais somos vilipendiados coas decisións que toman na Galiza, Madrid ou Bruxelas, como amosa a votación de antonte no Parlamento europeo a respecto, neste caso, doutra infraestrutura, a do eixo ferroviario atlántico que deixa para 2040 a conexión con liñas modernas Vigo-Lisboa para priorizar a conexión da capital lusa con Madrid. E así acontece na cabeza de moitos políticos que entenden a Galiza como unha pasarela para acabar en Madrid, como un purgatorio que hai que pasar para obter a beizón. E cando teñen a oportunidade venden os intereses das galegas e galegos para facer carreira política e consagrarse nos seus partidos estatais. O sillón lonxe do pobo, e todo nunha semana en que conmemoramos a Revolución de Abril que puxo o pobo por diante. 

Comentarios