Opinión

Proximidade

[X.M. Piñeiro]

A crise económica derivada da COVID-19 está a asestar un duro golpe ao sector do pequeno comercio, un tecido que apenas viña de se recuperar (en parte) da crise que irrompeu en 2008. Tendas e establecementos que tiveron que fechar no confinamento e viron como uns novos e poderosos competidores como son as grandes cadeas de comercio on line (amazon, ali baba...) aproveitaban para devorar mercado e clientes.

O comercio de proximidade, de barrio, da vila non só supón asentar tecido económico e laboral. É tamén un espazo cunha función social: dinamizan, enraízan e fan parte da comunidade veciñal na que están e se desenvolven.

A competencia das grandes superficies, que en moitas ocasións contaron con apoio directa ou indirecto das Administracións para se instalar nas cidades galegas, supuxo un forte golpe para este sector, que na Galiza emprega miles de persoas.

Segundo os datos do Instituto Galego de Estatística, na Galiza na última década botaron o fecho arredor de 3.500 pequenos comercios cada ano. Máis de 30% dos locais comerciais da Galiza están baleiros, segundo a Federación Galega de Inmobiliarias. Que tipo de cidades e vilas debuxan eses datos para o futuro?

Comentarios