Opinión

Prioridades

[María Obelleiro]

A pandemia deixou ao descuberto as vergoñas das residencias de maiores, convertidas en moitos dos casos en aparcadoiros de anciáns e anciás. A pegada foi moito maior nos centros de titularidade privada que nos de titularidade pública, pois estes últimos estaban mellor preparados para afrontar a crise por seren o seu centro de gravidade as persoas e non os beneficios económicos. De feito, xeriátricos privados tiveron que ser intervidos pola Xunta de Galiza pola súa imposibilidade para xestionar a grave situación que sufrían e non por acaso os falecementos cebáronse coas residencias privadas.

Malia que a crise da Covid-19 destapou un modelo de atención a anciáns con graves eivas que vén de anos atrás, o Goberno galego non semella querer dar un golpe no temón para virar o rumbo. A conselleira dixo onte que non é unha prioridade a titularidade pública dos xeriátricos. As evidencias están aí. E os números. Ela tenos. Mais o modelo que prepara a Xunta vai ser máis do mesmo: o privado por diante do público. 

Comentarios