Opinión

Pobreza severa

[María Obelleiro]

Catro de cada 10 persoas que se atopan nunha situación de pobreza severa non poden acceder ao Ingreso Mínimo Vital. Unha gran medida do Goberno estatal para cubrir a necesidade de quen se atopa en extrema dificultade. Porén, a cifra, 82.000 persoas en pobreza extrema que non dispoñen desa axuda, evidencia que o sistema ten moito que mellorar. Por que non poden lograr o ingreso? Porque son persoas tan empobrecidas que non cumpren os requirimentos estabelecidos.

Ademais, a pandemia provocou que os fogares con dificultades severas sexan aínda máis e o feito de que se tome como referencia o nivel de renda do ano anterior provoca que moitas das persoas que ficaron sen medios de vida pola Covid-19 non poidan ser beneficiaras da prestación. A situación tórnase máis grave se pensamos que a Xunta da Galiza pensa requirir a 2.000 familias a devolución de milleiros de euros tras accederen ao Ingreso Mínimo Vital, ao non ser compatíbel esta axuda estatal coa Risga. Contribuír á inserción da poboación afectada debera ser unha prioridade dos Gobernos.

Comentarios