Opinión

Pesca ilegal e vetos da UE

[Alberte Mera]

Após a Unión Europea vetar 87 zonas do Atlántico Norte para a pesca de fondo e prexudicar as familias que viven da pesca na Galiza onte coñecéronse uns datos paradoxais da man do Tribunal de Contas da propia Unión Europea, que presentou na capital galega un informe onde reprende Estados membro por non controlar as importacións que realizan de peixes, sendo compradas miles de toneladas a mercados de países que non perseguen, que amparan ou promoven a pesca ilegal, o que ademais de supor un dano ao ecosistema mariño implica unha competencia desleal contra a frota galega.

E así dáse o paradoxo de que unha pesca sostíbel como a galega vese ultranspasada polas compras que Estados da propia UE realizan a países cuxas frotas practican capturas ilegais, ben sexa polas especies que procuran ou polas formas de pesca empregadas. 

Aliás, como analizaba este xornal hai uns días, o veto de Bruxelas á pesca de fondo galega non só leva o sector á destrución de emprego senón que ademais implicará a substitución do peixe capturado por galegos por outras capturas, pero importadas. Outros países faranse co mercado a raíz de que a frota galega non poida capturar polo veto de Bruxelas e venderano aos distribuidores galegos para manter a oferta. A pesca galega, outra vez, relegada por Bruxelas.

Comentarios