Opinión

Patria e...

[Alberte Mera]

Patria e... a votar? Sen despexarse aínda a posibilidade dunha repetición electoral no Estado a cita ineludíbel é a dos comicios galegos de 2024 de o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, non avogar antes por un adianto electoral, cuestión que dependerá, afirmou, do que pase na investidura da Presidencia do Estado español. Unha gobernabilidade, a do Estado, que de materializarse a favor de Pedro Sánchez colocará o BNG como imprescindíbel e decisivo na lexislatura. Saben que teñen a chave do Goberno estatal, e con esa posición e o avance nas municipais viuse onte unha Ana Pontón disposta a disputar a Presidencia da Galiza ao PP. 

No PSdeG preparan a campaña. O discurso de onte de Valentín Formoso foi tamén nesa liña. Agora ben, a situación do PSdeG após a perda de porcentaxe de voto o domingo e de deputadas e deputados no Congreso -pese á resistencia e suba xeral dos socialistas no Estado español- complica a situación aos de Formoso, máxime cunha cita coas primarias en breve na que todo apunta a un Besteiro de candidato non sen antes batirse quizais co propio Formoso ou con Gonzalo Caballero. 

Este Día da Patria Galega arrecendeu a precampaña aínda sen data fixa. Esperemos que se aproveiten estes meses para falar da Galiza, nestes tempos de crise e inestabilidade, para pór a Patria no centro.

Comentarios