Opinión

Papeis de Panamá

A revelación xornalística da existencia dunha xigantesca trama de evasión fiscal, a coñecida como Panama Papers, volta a levar á tona da actualidade as fendas legais polas que se distraen das facendas públicas enormes sumas de capital. Non estamos strictu sensu perante nada realmente novidoso. Os paraísos fiscais están aí virtualmente desde sempre e, desde que estourou a crise do capitalismo globalizado en 2008, nada se ten feito para lograr que desaparecesen, até o punto de que mesmo un personaxe politicamente tan relevante como Jean Claude Juncker se viu salpicado no seu día por un escándalo semellante orixinado durante a súa etapa como primeiro ministro de Luxemburgo.

Dito doutro xeito: os papeis de Panama tiveron un precedente, os papeis de Luxemburgo, e terán presumibelmente unha secuela, os papeis de calquer outro dos múltiples paraísos fiscais que existen no planeta. Boa proba de que non existe vontade política real de pór fin a este fenómeno -problema gravísimo de inequidade fiscal que torna aínda máis insoportábeis as desigualdades sociais- é que o señor Juncker, directamente golpeado polo escándalo, non demitiu do seu cargo. Si o fixo estes días, a consecuencia dos Panama Papers, o primeiro ministro de Islandia, mais en termos políticos globais a trascendencia dunha e outra figuras non é en absoluto equiparábel.

Os paraísos fiscais están aí virtualmente desde sempre e, desde que estourou a crise do capitalismo globalizado en 2008, nada se ten feito para lograr que desaparecesen

A globalización real é isto. O que se globaliza, coa anuencia consciente dos principais dirixentes políticos do planeta, é a libre (e, polo que se ve, fraudulenta) circulación de capitais, totalmente allea a calquer tipo de control público, sexa nacional ou supra-nacional. Esa libérrima circulación contrasta dramaticamente coa violación sistemática de dereitos humanos fundamentais das persoas que se desprazan dos seus fogares non para lucrarse, senón para salvar as súas vidas e para fuxir de guerras alimentadas polas grandes potencias.

Está ben indignarse. Mais o que cómpre é reaxir socialmente e exixir con toda contundencia que na area política se adopten medidas positivas para combater esta lacra, entre outras a abolición xa e sen máis demoras dos paraísos fiscais.

Comentarios