Opinión

Outra marea

[Alberte Mera]

"Cada vez que sobe e baixa a marea, a area queda sementada de bólas. Moitas quedan sobre as pedras, o que dificulta a limpeza", laiáronse onte Alcaldías e edís das comarcas de Muros, Noia e o Barbanza ante a "marea branca" -desta vez non negra- que emporcalla as praias galegas con milleiros de pellets. O problema non é de onte, o 13 de decembro un axente ambiental daba a alarma tras atoparse sacos con material plástico nas inmediacións do faro de Corrubedo (Ribeira) que parecían vir da perda da carga que transportaba un barco. O problema é que agora os sacos están a chegar tamén abertos, e milleiros de partículas brancas contaminan os areais. Varias Alcaldías exixiron onte á Xunta da Galiza e ao Goberno español que interveñan para evitar a propagación de máis pellets polas praias e parar esta marea branca continua e que se está a estender.

Ben, a Consellería do Mar limitouse onte "a trasladar o seu apoio aos concellos de zonas con posíbel afección co obxectivo de centralizar as reclamacións á empresa armadora de cara a sufragar os traballos de retirada destes materiais". Iso si, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, foi máis alá, e sacou onte unhas fotos sorrindo no litoral galego, escribindo en X: "O noso litoral é sinónimo de produtos excepcionais e un orgullo para todos pola súa calidade". Pero vostede ve a realidade? Actúen para salvar o medio.

Comentarios