Opinión

Oficializar o 17 de agosto

[María Obelleiro]

O Día da Galiza Mártir conmemórase ao longo destas semanas con actos e xornadas en distintos puntos da Galiza, co epicentro, en Poio, lugar en que foi asasinado Alexandre Bóveda o 17 de agosto de 1936 a mans do franquismo, e en Pontevedra, onde viviu o que fora secretario de Organización do Partido Galeguista. A multitude de actos evidencia que está máis viva que nunca a reivindicación que segue a desbotar o Goberno galego: a oficialización do 17 de agosto como Día da Galiza Mártir.

Prevese que no acto institucional do Concello de Poio, o primeiro organizado polo Executivo do PP, participe, ademais do alcalde, o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez. Pola tarde, están confirmadas as intervencións do presidente do Parlamento galego, Miguel Santalices, e do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, no acto cívico da Fundación Alexandre Bóveda no cemiterio de San Amaro (Pontevedra).

Hai quen ve nesta presenza a hipocrisía dun PP que segue a negar as políticas públicas de memoria e que prometeu que acabaría coa Lei de memoria -e iso que esta normativa ficou escasa ao non contemplar a derrogación da Lei de amnistía- se chegaba ao Goberno do Estado. Verdade, xustiza e reparación seguen sen cumprirse, ao igual que a oficialización do día dos mártires galegos que deron a vida pola liberdade e pola súa patria.

Comentarios