Opinión

O voto impedido

[Xoán Costa]

Cando Feixoo fixou para o día 12 de xullo a data das eleccións xustificou a decisión en informes técnicos que apuntaban, dixo, para un incremento de posibilidades de rebrote na segunda quincena do mes debido á chegada de xente de fóra. É evidente que se equivocou, que o rebrote chegou antes e que, probabelmente, os informes que seguiu foron elaborados por departamentos de mercadotecnia electoral e non por técnicas en saúde. O resultado desa decisión é que o domingo centos de persoas, especialmente da Mariña, verán dificultado, ou mesmo impedido, o seu dereito a voto sen estaren privadas del por non estaren incluídas en ningún dos supostos que a lei prevé para a privación de voto que, en todo o caso, sempre depende dunha sentenza xudicial e non da decisión dun Goberno. É preocupante que o presidente Feixoo confine A Mariña os derradeiros cinco días de campaña e a libere para a xornada de reflexión sabendo que máis de 200 persoas non poderán saír da casa e desentendéndose de arbitrar medidas para exerceren un dereito do que non están privadas.

Comentarios