Opinión

O noso queixo e a celulosa

[Alberte Mera]

A crise do agro galego e a falta de apoio económico e institucional a unha industria transformadora dos produtos primarios, que xere riqueza engadida, estivo na cerna dos debates electorais da pasada campaña das galegas. Mais agora, lonxe de que se desenvolvan políticas nese sentido, quérense dar pasos atrás. Se hai produtos elaborados a partir de primarios, un dos máis coñecidos, protagonista indiscutíbel -sobe todo con marmelo, por favor- é o queixo da Denominación de Orixe (DO) Arzúa-Ulloa. Só o ano pasado 16 queixarías integradas no seu Consello Regulador elaboraron e venderon máis de 4.450.000 queixos. Indican neste xornal de hoxe o presidente da DO así como produtoras e produtores o temor que teñen ante a instalación na Ulloa dunha macrocelulosa como a proxectada por Altri en Palas de Rei. A Xunta da Galiza, de novo, aplana o terreo para a pasteira lusa. 

Temen pola contaminación do ar e das augas que a pasteira provocaría e polo aumento que podería producir da eucaliptización do territorio. Ben, eis dous modelos moi claros de país. Un, desenvolvido que produce, elabora, transforma, vende dentro e fóra, o outro, o que temos, o modelo colonial que fai desta terra iso mesmo, colonia, que só serve para extraer dela recursos primarios para beneficio de industrias noutros países a custa de destruír para sempre o territorio. Non sexamos colonia.

Comentarios