Opinión

'Nós Diario' agora con M

[Xoán Costa]

Nós Diario chega ao número 1.000 nun contexto social e político herdeiro pero bastante diferente ao de 2020, cando sae o número 1. Europa está máis virada para a dereita política e a invasión rusa na Ucraína ou o masacre de Israel sobre Palestina son elementos que aceleraron moito máis a censura neste 2023. A Covid-19 variou substancialmente os nosos hábitos e as nosas relacións sociais. Ora, neste contexto faise máis evidente a necesidade dun medio como Nós Diario, un medio que só responde a intereses galegos, que é máis necesario do que nunca, que foi e que segue sendo posíbel porque só depende de nós e que desde hoxe se escribe con M de mil. Mais tamén con M de memoria histórica, con M de militancia na lingua e cultura galega. Con M de Murguía e de María Mariño, con M de Muras, de Melide e Mazaricos. E do Miño, o noso río. Con M de Mártires de Carral e de mortos por amor á patria. Con M de muller, de mozo e de meniña. De mel e de mariñeiro, de millo e de mazá. De marmelo e de mamila. Con M de mencer, de morriña. De maiorías e de minorías. Con M de morno e margarida. M da música reservada de Luísa Villalta. De Mendinho e Mazarelos. De Macías o namorado. Da Casa da Matanza. De Mestre Mateo. Con M de Manuel María feito muiñeiro de brétemas. Con M de máis, con M de mundo, con M de mil.

Comentarios