Opinión

Non é descontento

[Xoán Costa]

A banca gaña. Un 17,8% máis que o ano anterior. Case 21.000 millóns entre os seis principais bancos do Estado (por se non lembran, os orzamentos da Xunta de Galiza para 2023 supoñen 12.600 millóns de euros, case a metade dos beneficios da banca). E o negocio irá a máis este ano grazas á suba dos tipos de interese e á pouca alza que se prevé no custo dos depósitos.

E mentres isto acontece, millares de persoas -na Galiza mais tamén fóra dela-  mostran nas rúas a súa contestación e o seu rexeitamento a estas políticas globais que provocan máis desemprego, máis pobreza e peores servizos públicos. A esas mobilizacións, con consignas ben definidas, con mensaxes claras e inequívocas e con propósitos claramente reivindicativos que van moito máis alá dun estado de ánimo ocasional, os grandes medios de comunicación, propiedade dos grandes bancos, chámanlle descontento. “Descontento social na Franza”, di un titular; “o descontentamento tamén medra en Portugal”, di outro; “Grande Bretaña, un inverno de descontento”, di un terceiro.

E poderíamos seguir. Mais o que a xente manifesta nas rúas é outra cousa: é reivindicación de dereitos, reclamación de políticas xustas e contestación a outras que só producen máis desigualdades. Que non nos enganen coas palabras.

Comentarios