Opinión

Mugía e Feijóo

[María Obelleiro]

Teñen hoxe entre as súas mans un novo coleccionábel por entregas que se publicará con Nós Diario até finais do mes de outubro. Da autoría de Héitor Picallo, coas achegas das persoas especialistas máis recoñecidas na materia, “Onomástica nacida da terra” persegue a restitución dos apelidos á súa forma orixinal. É este un tema controvertido que Nós Diario defende e mesmo practica, a comezar polo presidente do Goberno galego, Feixoo, e polo ex presidente do español, Raxoi. Non son poucas as persoas que nos afean a restitución do apelido Feixoo. “Por que teimades en mudarllo?”, preguntan. É doado, porque combatemos a deturpación e perseguimos a recuperación das formas galegas. Muxía si e Feixoo non? O cerne da cuestión é o mesmo. Explícao ben a profesora García Negro. Estamos, con este coleccionábel, ante unha grande oportunidade para coñecer máis de nós como pobo e para rectificar as deturpacións que o españolismo gravou a ferro na Galiza. Como explica o seu autor, “en todo apelido hai algo interesante que se pode resaltar: o dun lugar, a vinculación cun personaxe histórico, unha evolución ilóxica...”.

Comentarios