Opinión

Memoria asolagada

[Xoán Costa]

Impresionoume o fascículo 6, Castro Candaz, do coleccionábel de Nós Diario '30 castelos e torres galegas para descubrir un reino'. Realismo e simbolismo xuntos. Impactan as imaxes. Emociona ver un espazo tan espectacular asolagado, en palabras da autora, para “maior gloria do Estado franquista”. Hoxe non se constrúen encoros tan grandes -xa non hai onde- e as eléctricas apostan polas balsas de bombeo, auténticas baterías de recarga das centrais eléctricas existentes e de outras novas. O impacto ambiental deses enormes depósitos de auga, combinado cos aeroxeradores, está asegurado. Máis un golpe na memoria da paisaxe.

Pero o fascículo suxire unha leitura simbólica: cando a auga baixa, a memoria agroma. Castro Candaz non é caso único de territorio alagado do que emerxe, cando a seca aperta, a lembranza do que somos, do que fomos. Aí está Portomarín. Ou Aquis Querquennis, en Bande; a Barcela, en Negueira de Muñiz ou Aceredo, en Lobios; O Marquesado, en Agolada, ou Alberguería, na Veiga. Memoria de augas que asolagan terras e aldeas outrora cheas de xente. E de historias. Son as mesmas augas que hoxe producen beneficios de escándalo para empresas hidroeléctricas que non asumen compromiso ningún coa terra da que esas augas brotan. Para maior gloria do capital. E se facemos memoria?

Comentarios