Opinión

"Maricón"

[Xesús M. Piñeiro]

Samuel Luiz foi asasinado a golpes por un grupo de persoas ao berro de “maricón”. Cóntano as amizades que presenciaron a brutal malleira. Non bateron nel ao berro de “maricón-fillo de puta-cabrón-merdán....” e outros insultos que se verquen en leas, agresións, non. Só “maricón”, segundo manifestaron estas testemuñas. 

A investigación da Policía xudicial determinará causas e motivacións da brutal malleira, así como -esperemos- deterá todos os responsábeis dun asasinato que conmocionou unha cidade, A Coruña, cunha longa tradición contra todo tipo de intolerancias.

O insulto directo, carraxento, cheo de odio (“maricón”) foi sentido por miles de galegos e galegas como se llo espetasen a eles e elas, como se fose dirixido aos seus fillos, fillas, filles, pais, nais, amigos, amigas, amigues, coñecides... E reaccionaron enchendo rúas e prazas de máis de 60 localidades para exixir ‘xustiza para Samuel’.

Unha vaga de dignidade á que chegou, máis unha vez, tarde o presidente da Xunta, que non estivo á altura da resposta que o seu pobo deu ao asasinato dun rapaz de 24 anos.

Comentarios