Opinión

Lume de san Xoán

[Alberte Mera]

San Xoán é unha das datas máis arraigadas na Galiza -mesmo dá nome ao mes de xuño-, agardadas e celebradas, cunha enorme tradición ao seu redor, desde a procura e preparación das herbas máxicas para lavar o rostro até as fogueiras que enchen o país baixo múltiples denominacións: cacharelas, lumieiras, cachadas, lumaradas...

O poder do lume, cóntanos hoxe Filipe-Seném nestas páxinas, é centro de luz e a fogueira "purifica" e é alimentada con "trastes vellos que cómpre anovar".

Animo nestas liñas a aproveitar o simbolismo desta festa de lume, terra e mar para neste día de san Xoán recordar os vellos "trastes" que lastran o país e que cómpre deixar atrás, por propor dous exemplos: a eterna emigración que deixa un país cada vez máis envellecido (371.637 persoas emigraron da Galiza desde 2009, das cales 48.375 mulleres menores de 29 anos) e a tesoira gobernamental dos recortes na Atención Primaria (o Executivo galego é o único do Estado que reduce o orzamentos neste servizo esencial, chegando a destinar para este ano 74,8 millóns de euros menos que en 2009, antes da chegada de Núñez Feixoo á Presidencia da Xunta).

Comentarios