Opinión

O labirinto español

O Estado español non é viábel se non reconsidera a serio como interpreta a democracia e, por tanto, como se organiza o exercicio do poder político no seu territorio. Alén da foguetería verbal das distintas forzas despois de dúas eleccións consecutivas e coa ameaza dunha terceira no horizonte, o problema de fundo do Estado é o da existencia no seu seo de diversas nacións, entre as cales só a que poderíamos chamar a España simbolizada por Madrid ten recoñecidos en plenitude os seus dereitos políticos.

A chave do desbloqueo do taboleiro non está tanto na resistencia ou non da equipa de Pedro Sánchez a dobrar o xeonllo perante o sector máis reaccionario do seu partido, senón na incapacidade dos dous partidos maioritarios españois para captaren a realidade do que está a pasar en Catalunya, nesta altura a sociedade nacionalmente máis avanzada do Estado. Non é posíbel nen racional nen democrático gobernar o Estado de costas viradas a Catalunya e iso é aplicábel quer ao PP de Rajoy quer ao PSOE de Pedro Sánchez.

Non é posíbel nen racional nen democrático gobernar o Estado de costas viradas a Catalunya

O Estado non sairá do labirinto mentres non asumir que as nacións sen Estado -Catalunya en cabeza, logo Euskadi, moito máis rezagada, infelizmente Galiza- teñen que ver recoñecido o seu dereito a decidir en liberdade o seu futuro e, portanto, a súa faculdade de, se así o quiseren, constituírense en novos Estados.

A sesión de investidura de Rajoy, alén do máis, serviu para mostrar máis unha vez o peso político de Catalunya e Euskadi. A presenza de Galiza foi apenas testemuñal, un titular de Pablo Iglesias e uns minutos moi exiguos de Alexandra Fernández. Moi pouca cousa. O país non se pode expresar en todo o seu potencial subsumido nun grupo parlamentar de dirección madrileña. Iso colócanos no plano simbólico e político en clara desavantaxe a respeito de Catalunya e Euskadi.

Por certo, Mariano Rajoy despachou a intervención de Joan Tardá (ERC) co argumento de que o primeiro é defender a Constitución e o imperio da lei, un razonamento que paradoxalmente ten aparecido nos beizos do candidato de En Marea á presidencia da Xunta, Luís Villares.

Comentarios