Opinión

Unha labarada até o ceo

[Alberte Mera]

Deixou escrito Castelao que á súa imaxinación "veu unha fogueira en cada cemiterio, pero no de Pontevedra veu unha labarada que chegaba até o ceo. Era o lume do espírito de Bóveda, que non figura na Santa Compaña dos inmortais porque non pertence á historia, senón á tradición, en arume de lenda Bóveda terá de ser nun mañá próximo ou lonxano a bandeira da nosa redención”. Alexandre Bóveda, inmortalizado así como símbolo de todas as vítimas da represión franquista que se cebou na Galiza contra quen defendeu a democracia, o país e a liberdade.

Agosto, mes de flores para recordar galegas e galegos asasinados como Bóveda ou Ánxel Casal en 1936 ou Moncho Reboiras no mesmo mes de 1975. O terror do franquismo non cesou durante décadas.

Foi no exilio, na capital da Arxentina, onde a Irmandade Galega impulsou o 17 de agosto como o Día da Galiza Mártir, e sería, moitos anos despois en Pontevedra, no cemiterio de Santo Amaro onde repousa  Bóveda, cando en 1977 se realizou o primeiro acto público no país do Día da Galiza Mártir. Agora, en 2022, fica aínda pendente que o Goberno da Galiza decida institucionalizar o 17 de agosto como Día da Galiza Mártir para honrar Bóveda e todas as persoas represaliadas polo franquismo no país. A que agardan na Xunta? A que se debe tanta negativa?

Comentarios