Opinión

'La Famiglia'

[María Obelleiro]

Feixoo, Micaela (irmá do presidente da Xunta) e Eulen son os protagonistas deste editorial. Non é para menos tendo en conta que o Partido Popular tombou onte en comisión parlamentaria a petición do BNG para que o Consello de Contas fiscalice as contratacións da Xunta da Galiza co grupo empresarial do que é directiva a irmá do aínda xefe do Executivo galego.

Existen indicios de trato de favor do Goberno presidido por Feixoo con Eulen, adxudicataria de contratos valorados en 37 millóns, malia que, en máis dunha ocasión, non presentou a mellor oferta económica ou propuxo ofertas "temerarias". Neste contexto enmárcanse as críticas de empresas do sector, que teñen apuntado que os ascensos de Micaela no grupo son consecuencia do incremento da facturación de Eulen nas Administracións públicas dirixidas polos populares. A irmá de Feixoo foi ascendida a directora xeral do grupo para o noroeste do Estado español en 2016, un ano despois de que Eulen obtivese o récord de adxudicacións por parte da Xunta.

Se todo é correcto e xusto, por que o PP impide o control destas contratacións por parte do órgano fiscalizador? Estamos perante un novo exemplo da falta de transparencia do Partido Popular que, tapando asuntos molestos para Feixoo, amosa un desprezo ao conxunto da sociedade.

Comentarios