Opinión

A idea falsa da Galiza de dereitas

[Alberte Mera]

A Galiza atrasada, conservadora, españolista, patriarcal, de xente mal encarada que só mira polo seu... Podemos seguir cos esterotipos que autores españois durante séculos se encargaron desde o seu descoñecemento en fixar con letras ardentes sobre a pel das galegas e galegos, como se bestas foramos, si... tamén o cinema abusa de reflectir unha poboación así esterotipada... tal paraxe de inóspitos seres é un plató e atrezzo fabuloso para un guión de tebras. Desmontar todo isto en tan poucas liñas é imposíbel. Circunscribíndonos a unha, a idea de que a Galiza é de dereitas, botemos o ollo aos feitos desta semana: o cumio do poder municipal (a asemblea xeral da Federación Galega de Municipios e Provincias, decorrida antonte) deixou o PP sen o liderado da entidade. Isto reflicte o reparto do poder municipal emanado das urnas de maio: só 20% da poboación galega ten Alcaldía do PP, fronte a 60% que a ten do PSdeG e do BNG. Aliás, a Galiza, xunto Euskadi e Catalunya foron os territorios máis decisivos á hora de evitar unha coalición PP-Vox no Goberno español, e o BNG ademais sitúase decisivo na lexislatura. Efectivamente, o PP goberna na Galiza desde 2009. Será Rueda quen de reter o Goberno ou haberá cambio? O escaso poder municipal do PP en termos de poboación, evidenciados antonte na Fegamp, deixa un escenario aberto.

Comentarios