Opinión

Historias e historia

[María Obelleiro]

Hai un relato mítico cuxos eixos esenciais foron elaborados desde mediados do século XIX co obxectivo de dotar de xustificación e lexitimidade a un Estado en construción. Ese relato, convertido en dogma a través do sistema educativo e dos diversos mecanismos de creación ideolóxica, é o que nos fala dun reino visigótico como expresión dunha unidade nacional permanente no tempo, dunha batalla en Covadonga como feito fundacional dunha nova estrutura do Estado ou dunha descuberta de América como expresión da vontade de imperio, actualizada por Ortega e retomada polos constituíntes do 78.

Hai unha historia por coñecer, como sempre, é aquela feita polos vencidos e cuxa descuberta impugna o relato hexemónico e dá folgos ás causas dos máis. Eis a memoria do primeiro reino medieval de Europa, daquelas xenealoxías rexias que dirixiron a política no espazo cristián peninsular entre o século V e o século XIV e cuxos corpos descansan, nalgún caso, no Panteón Real que ergueron na catedral de Compostela, dunha arte románica sen parangón e dunha escola literaria que admirou Europa.

Esa realidade, a do Reino da Galiza, que recupera Francisco Rodríguez no seu último libro, explica moitas das chaves do que hoxe somos, como pobo, e tamén do que podemos ser.

Comentarios