Opinión

Guerra e naufraxios

[Xoán Costa]

Seguramente estas palabras definen ben este mes de febreiro. Guerra é a que se está a librar no PP con movemento de tropas cara á capital, e que chega, parece, a un cesar o fogo para curar as feridas. E guerra é a que se libra entre a Rusia e a NATO nunha operación especial para, segundo uns, protexer as persoas e, segundo outros para protexer a democracia. Ou se cadra é ao revés.

Sobre naufraxios versaron as historias do coleccionábel de Nós Diario. Historias pasadas actualizadas en tempo real coas escenas do Vila de Pitanxo, o barco afundido en augas do Atlántico norte. O Estado español, membro ben activo do militarismo atlantista, provedor de armas a Estados que nen protexen as persoas nen cultivan a democracia, ten destinados varios avións para "protexer" a fronteira entre Hungría e Ucraína. O custo destas operacións é ben elevado. Mais ese mesmo Estado, xordo aos gritos de NON Á GUERRA, non é capaz de destinar un só euro para tarefas de intento, polo menos, de recuperación dos corpos dos mariñeiros que permanecen no Atlántico norte.

Comentarios