Opinión

Galiza vence o odio

[Alberte Mera]

Manifestacións pola igualdade dos españois, convocou Alfonso Rueda en varias cidades galegas o pasado domingo. Mais ben eran manifestacións polo café para todos, para que a Galiza non obteña nesta lexislatura o recoñecemento nacional que si exixen os partidos que conforman os Gobernos de Euskadi e Catalunya nas negociacións co PSOE para a investidura de Pedro Sánchez, e ao que afortunadamente se comprometeu tamén o PSOE no acordo logrado polo BNG. Se hai recoñecemento oficial da nación galega nesta lexislatura non será por obra e graza do presidente da Galiza, senón pola oposición. A igualdade dos españois que predica Rueda non é a igualdade da cidadanía, nunha Galiza en que, coas exoneracións fiscais ás fortunas, hai cada vez máis diferenzas entre ricos e as maiorías sociais. Nin hai igualdade de cidadáns e cidadás no acceso ao ensino ou á sanidade coa privatización das mesmas. É, por tanto, igualdade de status, é dicir, que a Galiza se descolgue do tren das nacións e fique nunha comunidade autónoma a modo de rexión lonxe do avance e progreso de Catalunya e Euskadi. Revolta de togas, recursos na Xustiza, manifestacións diante de sedes políticas, o ultraespañolismo remove para evitar unha investidura porque está rabioso ante os compromisos políticos asinados que abren a porta ao recoñecemento das nacións e o autogoberno. Mais fronte ao odio, Galiza e amor propio. 

Comentarios