Opinión

En galego, todos os días

[Alberte Mera]

Si, os seus óculos están ben e a súa vista non lle está a pasar unha mala xogada. Poderá ver hoxe no quiosque que a capa de Nós Diario non é -ao revés do resto dos días do ano- a única impresa en galego. "Un día ao ano non fará dano", dirán nos medios na Galiza que prefiren informar en español antes que prestixiar o galego. Na mente e no corazón de Sermos Galiza S. A. está a lingua galega tanto o 17 de maio, Día das Letras Galegas, como os 364 días restantes do ano. Porque a nosa razón de existir é informar con rigor, calidade e en galego ás lectoras e os lectores, estando ao servizo dos intereses da Galiza.

Hoxe, como se de algo folclórico e mesmo exótico se tratar, as capas do resto de diarios deciden empregar o galego, un feito anecdótico co que logo aludir a que promoven o galego para cumprir a obriga de empregar 10% do total da información para cobrar as axudas públicas da Xunta da Galiza á prensa escrita en papel. Unhas axudas das que Nós Diario segue excluído. Ao remate de 2022 o Goberno galego formalizaba no DOG a exclusión deste xornal da liña de axudas a empresas xornalísticas, unha partida que ascendía a 1,255 millóns de euros.

Porén, pese á marxinación económica do Goberno galego, este medio de comunicación seguirá a informar en galego todos os días do ano. Eis o noso inquebrantábel compromiso coas galegas e cos galegos. Seguimos!

Comentarios