Opinión

Galego nas redes

[Xoán Costa]

A política lingüística desenvolta na Galiza polo PP no que vai de século XXI resulta demolidora para o idioma, a pesar de levarmos anos reivindicando medidas que permitan o galego ocupar os ámbitos que lle corresponden e que lle pertencen.

E co paso dos anos comprobamos como as cifras de falantes baixan cada día; continuamos centrando os debates no ámbito ortográfico e situamos aí a salvación, mesmo acolléndonos a citas que falan de que o galego vive libre en territorios que outrora estiveron intimamente unidos á Galiza mentres esmorece cada día no propio. Acreditamos en que esa é a verdadeira nai do año.

Fórmanse asociacións de defensa da literatura española na Galiza mentres torcemos a face ás penalizacións e exclusións por escreber en galego, incluídas as sofridas por Nós Diario. E comprobamos como hai representantes de todas as forzas políticas e de todos os ámbitos de representación que usan sen rubor o español na súa comunicación persoal nas redes sociais, pensando, quizá,  que así chegan a máis xente. E chegarán, non digo que non. Mesmo é posíbel que sensibilicen esas persoas para a causa da nosa lingua.

Mais ben sabemos que unha lingua, a galega neste caso, non se perde se non a falan ou non a escreben as estranxeiras, senón se deixan de a usar, na fala e na escrita, as que a saben.

Comentarios