Opinión

Galega, pública e sen peaxes

[Alberte Mera] 

Volta á posición de partida. A Cámara galega acordou onte volver iniciar os traballos para confeccionar unha lei para tramitar ás Cortes españolas co obxectivo de que se transfira á Galiza a titularidade da autoestrada AP-9. É a cuarta solicitude que se envía a Madrid. A primeira foi parada pola deputada do PP por Pontevedra, Ana Pastor, sendo presidenta do Congreso. E a última solicitude enviada -2021- é a historia dunha calamidade vergoñenta. Lembran vostedes 'As 12 probas de Asterix', cando o valente galo que desafía o Imperio entra nun edificio para tramitar unha solicitude e o mandan ir de oficina en oficina e de andar en andar? Pois algo semellante fixeron Partido Popular e Partido Socialista en Madrid, presentando emendas, emendas e emendas á lei aprobada por eses mesmos partidos na Cámara galega -xunto ao BNG, que afeou en Madrid o comportamento do PSOE e do PP-. É unha táctica lícita máis fea a de estirar e estirar os debates para que o tempo remate sen chegar á votación. E así o fixeron os partidos estatais, chegando pois a convocatoria electoral do 23 de xullo -adiantada, si, mais apenas uns meses- que obrigou a disolver as Cortes sen que a lei para unha AP-9 galega for aprobada. A estafa das peaxes aplicadas pola concesionaria Audasa -concesións, obxecto de reproches da UE ao Estado- son unha vergoña e para acabar con elas Galiza precisa da transferencia da AP-9. Todo o demais é enlear de forma cutre. 

Comentarios